Análise de Homefront

Por: Luns, 25 de Abril de 2011

Shooters de aquí e acolá, podería ser a definición perfecta desta xeración collendo como referenza o poemario de Cunqueiro, porque de FPS estamos ben surtidos.

Como amante deste xénero non me debo queixar, ou si, porque a que prezo están sacando tantos títulos iguais (ou moi parecidos) ao mercado?, pois quítanlle calquera innovación ou carácter sorpresivo que capte a atención do xogador.

Con isto xa podo comezar a falar de Homefront, un novo título baseado nunha posíbel guerra dentro duns anos, que só chama a atención pola plasmación máis cruel dun conflito armado. Torturas, mortes, masacres de inocentes, nenos que choran enriba do corpo morto da nai, civís que piden clemencia mentras soldados debaten a súa morte… asegúrovos que é un título apto só para maiores de 18 anos, pero lonxe disto ofrece máis variedade?

Pois a verdade é que moita máis variedade do que xa temos visto en títulos anteriores do mesmo xénero non hai, porque nin sequera modifican nin un chisco a xogabilidade. Movémonos en primeira persoa por escenarios prelimitados que nos permiten disparar a inimigos dende diferentes parapetos, e xa sei que as comparacións son odiosas, pero cando xogo a este tipo de títulos non podo evitar pensar no Modern Warfare, e claro, todo queda por debaixo deste.

Está claro que o primeiro Modern Warfare foi un referente para todos, foi capaz de innovar nun xénero trillado, e agora todo parte del, e refírome á parte de infiltración, á zona de francotirador, enlazar tanto disparos con situacións críticas e todas esas partes que nos deixaron perplexos no Call of Duty MW e que en xogos como estes, neste caso o Homefront, aparecen de forma moito máis descafeinada.

E volvo repetir que son seguidor deste xénero, pero tamén hai que ser un pouco crítico e saber diferenzar entre xogos copia e pega, e outros que arriscan cun producto diferente. Aínda así, polo motivo anterior, remato estos xogos sen moito aburrimento pero ao mesmo tempo sen que consigan transmitirme o que deberían, déixanme un chisco frío, polo que non me sorprende en absoluto escoitar a xente “atacar” a estos videoxogos, xa que como non sexas xogador habitual de FPS dubido moito que teñas paciencia para pasar tanto “semi-clon”.

A historia ten certo enganche, pero como dixen nun principio o que máis chama a atención é a súa crueldade con que se plasma todo, polo demáis, teremos misións a pé,misión no que controlamos un helicóptero, misións no que controlamos un “carro blindado” a distancia e pouco máis, xa que básicamente o resto do xogo será disparar a todo canto se mova, pero cando falo de “o resto do xogo” non pensedes que vai ser moito máis, xa que a duración de Homefront é irrisoria, nin sequera chega ás cinco horas.

Merece a pena gastar cerca de setenta euros nun título que non vai ofrecer nada novo e que nin sequera chega ás cinco horas?, como moito alquilalo, e isto se che gusta o xénero.

O apartado técnico mantense á altura da maioría dos xogos que sacan ao mercado, pero non chega nin de broma a niveis como… si, o Modern Warfare (foi un xogo que creou unha línea que deben superar para crear novas xoias).

En definitiva, outro xogo de guerras que se aproveita do tirón desta xeración pero que non innova en ningún aspecto.

Se eres moi seguidor dos shooters bótalle un ollo, pero non penses que te vas encontrar cun…si outra vez, cun Modern Warfare.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario