Análise de Dead Space 2

Por: Luns, 28 de Febreiro de 2011

Visceral Games consagrouse fai uns anos con Dead Space, un xogo de terror que nos poñía na pel dun inxeñeiro espacial e que se tiña que afrontar a unha nova estirpe de seres chamados Necromorfos. Estos Necromorfos estaban formados por diferentes partes do corpo das súas vítimas, e a única forma de acabar con eles era amputándolle as extremidades.

Nesta segunda entrega volvemos nun plantexamento similar.

Isaac Clarke esperta pouco despois do acontecido na primeira parte atopándose nunha extraña estación espacial. Alí, comeza a sufrir visións e non tardamos demasiado en recibir a visita dos mencionados Necromorfos.

Así comeza a historia nesta segunda entrega, unha aventura só para maiores de idade e non propensos a asustarse, xa que os escuros e tétricos corredores, adornado cun apartado gráfico de luxo e un son espectacular farán que saltedes do sillón, pero vaiamos pouco a pouco.

Comezarei falando do apartado técnico.

Gráficamente impresionan os seus modelados, tanto do protagonista como dos inimigos, os cales mostran un nivel de detalle impresionante. Unha pena que non exista unha maior variedade de inimigos, porque realmente acábaste acostumando a toda a variedade de Necromorfos. Aínda así, atopámolos veloces, resistentes, explosivos, que resucitan aos mortos, etc.

Os efectos de iluminación tamén se melloraron con respecto á primeira parte, cunhas filtracións de luz espectaculares creando todo tipo de sombras que vos farán avanzar moito máis despacio e coidadoso.

Pero realmente sorprende este apartado gráfico?, pois aínda que está lixeiramente por enriba da primeira parte, este xa poñía o listón moi alto polo que non sorprende tanto como este.

No que si merece mención especial con maiúsculas é no seu apartado sonoro. Asegúrovos que é un dos títulos con mellores efectos de sonido que probei en anos.

Estoupidos,sons irrecoñecíbeis cando te aproximas a unha porta, berros ao lonxe, portas que se abren, ventás que se rompen… e centos de minisituacións como estas que nos fan tremar. Son exactamente estos detalles o que o fan un xogo aterrador, porque avanzar por un corredor a escuras escoitando toda clase de sons psicodélicos e infernais sabendo que os inimigos poden aparecer por calquera lugar do escenario (por diante, por detrás, por enriba ou por debaixo), resulta verdadeiramente aterrador.

Neste punto é no que destaca Dead Space 2, na súa capacidade de enganchar ao xogador facéndolle pasar medo o mesmo tempo.

Por suposto, este xogo non remata aquí, porque ponnos nunha variedade de situacións maior que o seu predecesor e gran culpa disto téñena os propulsores que temos no traxe os cales nos permiten voar cando estamos en gravidade cero. Deste xeito podemos resolver diferentes puzles, como o mítico puzle dos espellos pero no espazo e sen gravidade. Tentador eh?

Pero non todo é positivo no desenrolo da aventura, e o principal punto negro é a ausencia de montros finais. Durante toda a aventura apenas nos encontramos con estos grandes monstros, o cal limita a variedade e a dificultade, o cal sorprende que non salpicasen toda a historia con máis inimigos finais. É certo que existen momentos nos cales teremos que usar QTE para escapar dos maiores inimigos en espectaculares secuencias, pero son moi contadas situacións.

Para facerlle fronte a todos estos Necromorfos volvemos ter o mesmo arsenal que non anterior título e algunha que outra arma específica desta segunda entrega. Así, volvemos usar o clásico cortador de plasma, lanzachamas, metralladora, disparador lineal… e cada arma con disparos secundarios. Pero para engadir máis variedade tamén temos a nosa disposición un traxe que nos permite relantizar o tempo ou atraer obxectos e lanzalos, a aparte dos xa mencionados propulsores. Todo isto podémolo mellorar a través dun sistema de Nodos, é dicir, deberemos encontrar estos Nodos de enerxía para aumentar as capacidade tanto das armas como do traxe. Por certo, non atoparedes demasiados Nodos e son moi caros, así que distribuídeos ben.

Con relación á duración de Dead Space 2 teño que mencionar que eu supereino en dez horas e pouco en nivel normal, aínda que posteriormente desbloquéanse novas opcións, como máis niveles de dificultade e a posibilidade de manter todas as melloras que obtivemos ao longo da aventura.

Realmente saben a pouco, porque é un título verdadeiramente divertido e obrigaotorio para todas aquelas persoas maiores de idade e que queiran desfrutar dun bo xogo. Unha pena que os escenarios sexan todos moi similares entre si (incluso visitaremos o Ishimura no último tercio do xogo). Veremos unha terceira entrega no cal non se reiteren estos escenarios?, oxalá, pero polo de agora confórmome en que Visceral Games continúe facendo xogos tan espectaculares como este.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario