Opinión sobre MGS:Peace Walker

Por: Xoves, 15 de Xullo de 2010

peace walker 1

Por nada que busquedes pola rede sobre este esperado título de PSP, atoparedes moitísimos análises na que se derreten en loubanzas, súbeno o podio e convérteno como o mellor título da portábel de Sony, pero eu despois de xogalo ( aínda que non o conseguín acabar pola frustración que me provoca), teño unha opinión moi diferente, e como non, fágovola saber.

Primeiro, e como xa dixen, teño que mencionar que non acabei o título, de aí que non sexa un análise propiamente dito, aínda que as horas que xoguei foron suficientes para ter un concepto moi claro sobre Peace Walker.

Volvemos a encarnar a Big Boss, e continuamos a historia acontecida no mellor título da saga Metal Gear Solid, o Snake Eater. Ata aquí todo ben, pero quizáis as incuestionábeis carencias da PSP fai que a sensación que transmiten os da PS2 quede anulada por unha forza maligna que sume o título nunha néboa impenetrábel.

E refírome, por suposto, á pésima xogabilidade que ten este capítulo, e cando falla este imprescindíbel factor, xa da igual que teña os mellores gráficos que viches na PSP ( con permiso de Kratos), ou unha historia moi traballada. Todo queda a un segundo plano.

Desde o principio do xogo daste de conta que algo falla no seu manexo, e podemos empezar pola cámara. Non vexo normal que nun título de acción-infiltración haxa que soltar o stick de movemento para mover a cámara o teu arredor. Así, botaremos todas as misións parando a continuo, e moitas veces avanzaredes a cegas pola incapacidade de ver o que acontece no escenario mentres estamos en movemento.

peace walker 2

Para intentar paliar isto deron a posibilidade de escoller entre tres tipos de manexo ( cando fixeron isto é porque xa sabían que tiña unha pésima xogabilidade), pero ningún é o suficientemente cómodo, e todos acaban sendo igual de frustrantes.

Pero continuemos con esta absurda xogabilidade, porque se xogar con Snake non é nada doado, temos que engadirlle as propias limitacións do xogo, xa que elimináronse moitos dos movementos do protagonista e agora non se pode arrastrar ( só tirarse o chan, pero non moverse), tampouco nos podemos mover se estamos pegados a unha parede ( totalmente ilóxico e absurdo, xa que o normal sería poder desprazarse para observar se hai alguén o outro lado), e o máis ridículo de todo e que continúo sen comprender. Unha vez que agarramos a un soldado por detrás non nos podemos mover con el para ningún sitio,así que se o agarras donde haxa máis dun inimigo case seguro que serás descuberto, porque non te poderás mover tendo o soldado agarrado.

E para poñerlle a guinda final a esta serei de despropósitos xogábeis, non estamos ante un xogo sinxelo, se non que a dificultade dalgúns inimigos é bastante complexa, e entre isto e a xogabilidade, frustrarédesvos.

peace walker 3

E xa como cuestión persoal, non me gusta nada iso de andar recluíndo soldados no medio da batalla, aínda que polo menos eliminaron o sufrimento que era transportar aos soldados desde calquera punto do mapa ao camión, como acontecida na anterior entrega de PSP. Agora empregamos unha especie de globo que os reclúe automáticamente, aínda que volvo a incidir no mesmo, persoalmente non me gusta nada este detalle.

Con isto creo que deixei bastante claro cal é a miña opinión sobre a nova “xoia” de Kojima. Non comprendo esas excelentes críticas que recibíu en todos os lados sabendo que a xogabilidade é clave nun videoxogo. Non o comprendo. Para min foi inxogábel.

 

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario